L.G.
Moito temos falado, e nesta biblioteca tedes bos exemplos nos nosos fondos, da historia da lectura. Dende percorridos divulgativos e suxerentes como Una historia de la lectura , exitosísimo El infinito en un junco pasando polos imprescindibles relatos de Margit Frenk Alatorre, Fernando Bouza, os estudos de socioloxía da lectura tan comúns nas últimas decadas do século XX e ,sobre todo e por encima de todo, o monumental Copistas e filólogos de Reynolds e Wilson, de cabeceira para quen tivo ou ten a Filoloxía como teima. A afección á lectura converteu ao libro en obxecto de desexo, desenvolvendose a bibliofilia, o afán por posuír rarezas ou agasallalas. Agora ben, cando alguen constrúe unha biblioteca de seu, elabora tamén o seu propio modelo de lectura, unha sorte de poética propia, habitada polas valoracións e os abandonos (que tamén deixamos de ler o que non nos interesa). Noutras ocasións armadas de lápiz no mellor dos casos ou bolígrafo noutros, subliñamos, destacamos ou anotamos o que nos parece ben e tamén mal.
Grazas a Verónica Lorenzo (@pantuflasdecor) que escribiu un fantástico fío en Twitter sobre unha curiosidade extraordinaria: a colección Reading: Harvard Views of Readers, Readership, and Reading History e que nos deu pe para falar hoxe de varias cousiñas.
Ollade que marabilla (en resumo, que hai moito máis que poderedes percorrer vós premendo na imaxe. A “vuelapluma”:
Que son os commonplace books? Pois, nin máis nin menos, que as libretiñas de anotacións, que moitas persoas levan consigo e conservan ao longo dos anos, con citas doutros autores, breves pensamentos, ideas para futuros traballos ou, tamén, recortes, papeis, tarxetas, etc. O primeiro que lembramos, cando pensamos nisto, foron os famosos Cuadernos de todo, que Carmen Martín Gaite conservou ao longo da súa vida e que se editaron logo como un compendio desordenado e suxerente de cousas.
Os commonplace books non son exactamente diarios, non son exactamente versións ou bosquexos de novelas, son algo máis persoal e menos xenérico. Digamos que nun commonplace book (un libro de anotacións persoal) unha pode escribir o que lle peta, mesmo non actualizalo nun tempo, sen orde, sen moita coherencia ao mellor. Din que unha entusiasta tamén destas libretiñas foi Virginia Woolf, que mantivo moitas ao longo da súa vida, agora recollidas na biblioteca do Smith College de Massachussetts.
Quen de vós mantén unha colección destes álbumes de pensamentos, cadernos de todo, libretas de recoller cousas de todo tipo? Se non o tedes pero vos queredes animar a facer unha, ollade os consellos que vos dan neste artigo Create a digital commonplace book, publicado no NY Times por J.D. Bierdorsfer(onde se recollen tamén algunhas páxinas escaneadas de distintas bibliotecas nas que se conservan este tipo de libretiñas) . O interesante é que se destaca que podemos aproveitar a experiencia que temos cando facemos as nosas valoracións en aplicacións de lectura como Goodreads, se sodes usuarias de Kindle e compartides notas, ou, sinxelamente, cando participamos nos foros ou nos espazos de opinión na rede. E, se precisades inspiración, unha busca en Internet Archive co tema “commonplace books” oferta moitas e variadas opcións, como os escritos por Auden ou o sir Alec Guiness.