Hoxe queremos facer referencia a unha nova que vemos de ler no Infotoday acerca do lanzamento dunha ferramenta de recolección de teses de doutoramento en OA ao que os autores da reseña se refiren como “nova ferramenta de descubrimento” . Trátase de Open Access theses and dissertations, (OATD), proxecto baixo a responsabilidade de Thomas Dowling, Z. Smith Reynolds Library at Wake Forest University . A peculiaridade deste portal é que se centra, única e exclusivamente, en teses accesibles de xeito libre na rede e a texto completo. No artigo que citamos, aparece tamén un cadro comparativo do tipo de resultados que amosan os principais portais de recolección de teses de doutoramento en liña:

Fonte: http://infotoday.com
Segundo din os responsables do proxecto, OATD ven solventar un problema que tiñan moitos investigadores con respecto ao acceso “real” de ETD (electronic theses and dissertations). Efectivamente, moitas delas están recollidas nos repositorios devanditos e amosados no cadro comparativo, pero a frustración viña cando moitos dos resultados eran ligazóns, por exemplo, a textos de uso restrinxido dentro dun determinado campus, mesturados moitas veces con outro tipo de documentos e, mesmo, poderíase chegar a unha especie de muro onde temos que abonar a copia para poder acceder á mesma.
OATD traballa, como é lóxico, con Open Archives Initiative Protocol for Metadata Harvesting (OAI-PMH), protocolo incorporado na maior parte dos repositorios institucionais tales coma DSpace, ePrints, and Digital Commons. Como nos lembran neste artigo, unha vez que temos activado este sistema de recollida , os metadatos dos repositorios poden ser compilados polos sistemas de recolección. Os obxetos dixitais seguen a estar aloxados nos repositorios, pero os rexistros de metadatos de diversas fontes poden ser extraídos, sendo recuperables mediante unha interfaz independente.
Nesta nova incídese, finalmente, no feito de que por moito que a maior parte do tráfico nos repositorios ven de motores de busca, é importante desenvolver outras ferramentas que faciliten aos investigadores a busca e o achádego de materiais dacordo cos seus criterios de busca. Deste xeito, as ferramentas de descubrimento desenvolvidas no apoio de comunidades de investigación moi especializadas nun determinado tema, e, tamén, as construídas arredor dun tipo de literatura científica poden incluír funcionalidades “á carta” deseñadas para un tipo de usuario concreto. Así nos informan que a plataforma OATD permite refinar buscas baseadas en linguas, departamentos, universidades e data de publicación.
Conversa
Aínda non hai comentarios.