BUSC

A biblioteca de José Ángel Valente, un tesouro bibliográfico aberto á comunidade

Jose Angel Valente

Fotografía de Luis Matilla. Tomámola do blog de Fernando Valls http://nalocos.blogspot.com.es/2011/09/microrrelatos-cortos-y-microrrelatos.html

FRANCISCO XAVIER REDONDO ABAL

Fai xa case unha década que a Biblioteca da Facultade de Filoloxía acolle e custodia a biblioteca privada e o arquivo persoal do poeta e ensaísta ourensán José Ángel Valente (Ourense, 1929 – Xenebra, 2000). Instalada dentro da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, nun espazo da biblioteca da facultade especialmente habilitado para tal fin, a biblioteca persoal de Valente consta dun total de 8046 monografías integradas nos 8642 volumes que conforman o total do fondo bibliográfico[1], ao que habería que engadir os 300 títulos de publicacións periódicas que posuía o tradutor, narrador e ensaísta de Ourense. Todo aquel conxunto bibliográfico  ocupa, aproximadamente, uns 192 metros lineais de andeis, cun grande predominio da lingua castelá (máis de 4000 títulos) e francesa (máis de 2000), mais onde non faltan idiomas como o galego, inglés, italiano, alemán, portugués, catalán…

O libro máis antigo corresponde a unha tradución inglesa dun exemplar de Luis de Granada, publicado en Londres no ano 1598 e saído do prelo de E. Allde. Hai, ademais, un bo número de exemplares correspondentes aos séculos XVII, XVIII e XIX. Con todo, non é aquí onde reside o valor bibliográfico da biblioteca de José Ángel Valente: a riqueza da súa biblioteca descansa na súa variedade e na representatividade das lecturas que o poeta ourensán atesourou ao longo da súa vida.

En boa lóxica, e tratándose da biblioteca dun narrador e poeta tan excepcional como foi Valente, non podían faltar as obras de ficción: poesía, novela, teatro… de case

todos os tempos e lugares. Así, en primeiro lugar atopamos unha completa escolma de literatura española e latinoamericana, francesa, galega, catalá, occitana, portuguesa, francesa, italiana, alemá, inglesa e norteamericana. Non faltan os mellores autores das literaturas rusa, polaca, árabe, sefardí, grega, latina, oriental… Todos eles ocupan case a metade do total do fondo bibliográfico.

O resto da biblioteca aparece constituído por dicionarios, estudos de crítica literaria, estética, lingüística, filosofía, ética… A relixión, a teoloxía, a patroloxía, a mística e a espiritualidade en xeral teñen a súa presenza cun elevado número de biblias en diferentes linguas xunto a exemplares do Corán e do Talmud, así como monografías dedicadas ao sufismo, taoísmo, zen, budismo, ioga, tantra…

A mitoloxía e o simbolismo ocupan xunto ao ocultismo (demonoloxía, esoterismo, alquimia, tarot…) unha parte importante da biblioteca de Valente. Tamén a antropoloxía cultural, a economía, a sexualidade e a natureza teñen cabida nos andeis da biblioteca xunto a cuestións estritamente políticas: dende a organización social do Estado ate o marxismo e o anarquismo, pasando polo fascismo e o nazismo ou a Alemaña hitleriana, a Cuba castrista, a Rusia soviética, etc. Tamén a historia de España está recollida a través de estudos que abranguen dende a antigüidade ate o século XX, con especial incidencia nos anos da II República, Guerra Civil e franquismo.

Mención especial merece todo o relacionado co xudaísmo, así como o Islam, sen esquecer a arte (especialmente, a pintura, unha das súas paixóns), a música e as viaxes. Un último apartado o constitúe a civilización de Galicia: usos e costumes, historia, descricións físicas…

En definitiva, falamos dunha biblioteca que vén a enriquecer o xa moi valioso patrimonio bibliográfico da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela. O legado de Valente está na actualidade a dispor de cantos desexen achegarse á lectura e os coñecementos que no seu día axudaron a conformar a personalidade do universal escritor ourensán.

O legado de José Ángel Valente pódese consultar no catálogo da BUSC premendo no apartado “procedencia de colección”. 


[1] As 8642 unidades físicas son a resultante da suma das obras en varios volumes (por exemplo, as obras completas en varios tomos, dicionarios, enciclopedias… ), así como de obras duplicadas.

Advertisements

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Arquivo

Categorías

BUSCa no catálogo

CODIGO QR DO BLOG

Código QR do Blog

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2013

Roberto Vidal Bolaño, foto de Henrique Alvarellos

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2014

Xose María Díaz Castro, Letras Galegas 2014

Imaxes da galería fotográfica da Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística, cedidas por Luis González Tosar.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015

Xosé Filgueira Valverde, Letras Galegas 2015

Retrato de Xosé Filgueira Valverde

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2016

Manuel María, Día das Letras Galegas 2016

Manuel María Fernández Teixeiro en imaxe de Xosé Castro

%d bloggers like this: