Lemos no Twitter de Francis Villatoro (@emulenews) o lanzamento de BioRxiv, un repositorio de investigación adicado a Ciencias da Vida e xestionado polo Cold Spring Harbor Laboratory. Na súa “declaración de intencións” di que pretende poñer a disposición da comunidade científica, canto antes e sen restricións de peer-review, os achados que teñan lugar nas investigacións dos contribuíntes ao mesmo e, tamén, recibir así comentarios e retro alimentación doutros investigadores antes de enviar estas contribucións a publicacións científicas. Trataríase, polo tanto, dun repositorio de preprints, de traballos non publicados previamente e dividido en vintecatro campos ou aspectos dentro da Ciencias da Vida, que abrangue dende a bioquímica ou bioloxía molecular ata a comunicación científica ou a paleontoloxía. Do mesmo xeito, existirían tres categorías de artigos, New Results, Confirmatory Results, or Contradictory Results. BioRxiv non acepta estudos clínicos e ten un apartado que nos pareceu especialmente importante:
Os artigos de física, matemáticas ou ciencias sociais deberán ser arquivados en bioRxv solamente se teñen unha relación directa coas Ciencias da Vida. Os artigos neses campos que non teñan relevancia con respecto as devanditas disciplinas deberían arquivarse en servidores como Arxiv, ao cal bioRxv pretende complementar.
Non sorprende, polo tanto, que no seu advisory board figure Paul Ginsparg, creador de ArXiv.
Polo que lemos na presentación do proxecto, aínda en beta, os autores auto arquivarían as súas contribucións sen unha mediación de Cold Spring Harbor Laboratory, presentándose este como soporte ou intermediario, aínda que os preprints si terán un proceso de revisión co gallo de evitar contidos acientíficos, reservándose tamén o dereito de retirar material plaxiado ou investigacións que non observen prácticas éticas.
Os autores reteñen os dereitos de copyright sobre os seus traballos, podendo escoller entre varias licencias Creative Commons diferentes, consentindo a “minería de textos” por buscadores ou por outros investigadores e poden citarse os traballos depositados polo seu DOI. Os autores poderán, tamén, arquivar versións actualizadas de artigos en calquera momento e tamén engadir a ligazón á versión publicada nunha revista científica. Unha vez depositados en bioRxiv, os artigos son citables e, polo tanto, non poden ser retirados.
Podedes visitar a páxina aquí: http://biorxiv.org/
Conversa
Trackbacks/Pingbacks
Pingback: Agora que sabemos do Plan S… que é o Plan U? | Fonseca - 16 Maio 2019