BUSC, Catálogo, Pasaron por aquí..., Varios

Sobre a exposición “Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido (1906-1936)”

 

valle-inclán traducido

 

 

ROSARIO MASCATO REY

Grupo de Investigación Valle-Inclán – USC

 

Apresentamos no magnífico espazo do claustro alto do Pazo de Fonseca, a exposición Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido (1906-1936) como a primeira e frutífera colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela, conscientes ambas as institucións tanto do valioso legado que constitúe o pensamento e obra de Valle-Inclán como da necesidade de revisar e recuperar unha figura de alto poder simbólico para o fortalecemento da nosa historia. Damos desta maneira,  un primeiro paso cara á celebración do 150 aniversario do nacemento do escritor, prevista para 2016, ofrecendo ademais importantes vías de diálogo con outras culturas, moi especialmente do noso contorno europeo e transatlántico, e convertendo a figura de Valle-Inclán nun camiño de ida e volta que non só fortalece a imaxe galega no exterior, senón que nos permite igualmente albiscar –a modo de estudo de caso– como os nosos produtos culturais foron recibidos e utilizados por outras comunidades a inicios do século xx.

Trátase dunha ocasion única, por tanto, coa que pretendemos, en primeiro lugar, ofrecer unha síntese da traxectoria do escritor, divulgando a súa relación co galeguismo e as múltiples vías de intervención que utilizou na política, na cultura e na sociedade do seu tempo; en segundo, recuperar para Galiza unha imaxe do escritor pouco coñecida, a máis internacional, derivada tanto do interese dos seus coetáneos pola súa obra como do seu proceso de intervención na difusión desta, principalmente a través das viaxes ao estranxeiro e dos contactos con intelectuais de moi diversas orixes; finalmente, preténdese evocar tamén algunhas das imaxes, sons, impresións e emocións que a obra de Valle-Inclán xerou internacionalmente, non só entre os críticos e investigadores senón tamén entre os seus lectores, en todas aquelas linguas en que el mesmo chegou a ver a súa obra traducida.

A mostra, a cuxa inauguración serviu de preludio un seminario de expertos desenvolvido no Consello da Cultura en torno da imaxe internacional do escritor, ofrece a través de catorce paineis, un breve documentario e unha aplicación dixital, unha primeira achega a unha complexa serie de interrogantes: foi Valle-Inclán un escritor recoñecido internacionalmente no seu tempo? E, se así for: Onde obtivo maiores cotas de éxito? En que linguas foi máis lido? Cal foi o seu grao de intervención nese proceso? A que persoas e entidades confiou a súa imaxe internacional? Cales eran os seus proxectos e expectativas? Cal foi a faceta de Valle-Inclán que triunfou neste ámbito internacional, se é que triunfou algunha?

Os datos de que dispoñemos, froito de traballos anteriores, amplifícanse agora grazas ao labor desenvolvido nos últimos anos polo Grupo de Investigación Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela, que nos ten proporcionado nova e interesante documentación. A isto súmanse materiais inéditos, procedente do arquivo familiar do escritor, que puidemos consultar grazas á xenerosa colaboración de Javier del Valle-Inclán Alsina. En conxunto, estamos a falar dun corpus de variados matices, que ademais de redimensionar considerablemente a nómina de xestores, tradutores, editores, críticos, revistas ou xornais, incorpora novas traducións das obras valleinclanianas publicadas en vida do escritor, cos seus correspondentes estudos introdutorios; artigos críticos de recepción da súa figura e obra; o epistolario cruzado con algúns dos axentes responsables do proceso de publicación noutros países e, mesmo, as ilustracións e caricaturas que acompañan os textos.

Por engadido, e sempre contado coa inestimable axuda do persoal e a dirección da Biblioteca Xeral da USC, quixemos tamén completar esta perspectiva internacional cunha selección do magnífico fondo de edicións do autor existente na nosa institución, único polas súas características e extensión nunha institución pública a nivel mundial, aspecto este que convén por de relevo. Así, de entre as múltiples opcións que o noso catálogo bibliográfico ofrece, escollemos aqueles libros que nos permiten deitar luz sobre a faceta editorial de Ramón del Valle-Inclán menos coñecida para o público: as edicións populares dos seus textos (das Sonatas ao seu teatro mais vangardista), coas que se achegou a aqueles leitores de menos recursos, tentando desfacerse desa imaxe -tan comentada- de autor para élites.

De aí a novidade desta proposta, que aguardamos contribúa a alterar imaxe pública do escritor e intelectual arousán. Unha imaxe esta, fixa, tradicionalmente asociada ás súas obras máis canónicas / canonizadas (as Sonatas e o esperpento) e a unha iconografía en que impera o retrato dun vello de aspecto venerable, no último percurso da súa vida: o «Gran don Ramón», «eterno», de «mirada mística» e «barba de Santo», do que falara, xa en 1917, Xavier Bóveda.

Unha iniciativa que presentamos, por tanto, como punto de encontro de carácter itinerante, con propósito de difusión internacional e cun deseño e concepción dinámicos, para a interacción co público visitante (con vostedes), que poderá(-n) escoitar e pensar a Valle-Inclán noutros verbos, en novas lecturas.

 

 

Advertisements

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Arquivo

Categorías

BUSCa no catálogo

CODIGO QR DO BLOG

Código QR do Blog

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2013

Roberto Vidal Bolaño, foto de Henrique Alvarellos

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2014

Xose María Díaz Castro, Letras Galegas 2014

Imaxes da galería fotográfica da Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística, cedidas por Luis González Tosar.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015

Xosé Filgueira Valverde, Letras Galegas 2015

Retrato de Xosé Filgueira Valverde

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2016

Manuel María, Día das Letras Galegas 2016

Manuel María Fernández Teixeiro en imaxe de Xosé Castro

%d bloggers like this: