BUSC, Galicia, Pasaron por aquí..., Varios

Falando con Fran Redondo sobre “Bibliotecarias e bibliotecarios infames”

bibliotecarias

Cuberta do libro de Fran Redondo, fotografiado na sala de investigadores da Biblioteca Xeral

O noso compañeiro Fran Redondo ven de publicar un moi interesante estudo sobre bibliotecarios e bibliotecarias depurados e represaliados  trala  Guerra Civil. Fran, ben coñecido por todos nós coma autor e compañeiro da BUSC, ten publicados un feixe de traballos sobre o maquis ou guerrilleiros, bibliografías específicas sobre o Prestige e moito sobre cuestión relativas á memoria histórica, entendendo a visibilización e posta en valor de intelectuais e obras non tanto esquecidas coma silenciadas. Falamos dun xeito informal  sobre algunhas cuestión someiras relativas ao seu último e mais ambicioso traballo Bibliotecarias e bibliotecarios “infames”. A depuración franquista do corpo republicano. O caso galego publicado por Laiovento. A conversa desenvólvese entre o autor e unha compañeira bibliotecaria, Lorena Gómez.

Pregunta:  Ademáis de felicitarche pola resulta que é este libro, gostaríanos coñecer un pouco de como se desenvolveu a investigación sobre o tema (arquivos, viaxes aos diferentes centros de documentación, etc)

Resposta: De entrada, grazas sinceras polos parabéns e polo tempo. Respondendo a túa pregunta direiche que unha vez que inicei este percorrido descoñecía absolutamente os camiños a seguir. Nunca escoitara falar da Lei do 10 de febreiro de 1939 sobre a depuración de funcionarios públicos así como a existencia dos expedientes de depuración dos mesmos. Estes atópanse en Alcalá de Henares, no Arquivo Xeral da Administración. Despraceime en varias ocasións ata alí, bucei no arquivo e atopei (coa inestimábel axuda dos arquiveiros que alí traballan) os devanditos expedientes. Eles son a base da investigación, xunto a algunha documentación depositada no Centro Documental da Memoria Histórica de Salamanca. Mais non quixen que os procesos depuradores foran o único destacábel do ensaio e procurei narrar a vida e as súas inquedanzas intelectuais anteriores á guerra daqueles homes e mulleres extraordinarios. Para iso, nada mellor que ler os seus propios traballos, os relatos autobiográficos e, por último, as novas hemerográficas da época.

P:  Entrando xa en materia, cito unha das cuestión que se amosa na introducción ao traballo e, ao meu xuizo, reveladora por completo desa inquina e obsesión polo desterro do pensamento libre e independente. Cando falas de Súñer e do seu libro Los intelectuales y la tragedia española, onde se culpa da Guerra Civil  á Institución Libre de Enseñanza, á Residencia de Estudiantes ou a Universidade (ademáis de homes “intelixentes pero desequilibrados coma Valle-Inclán ou Unamuno” extraemos unha  cita que senta as bases dese depuración e tamén do teu traballo: “extirpación a fondo de nuestros enemigos, de esos intelectuales, en primera línea, productores de la catástrofe. Por ser más inteligentes y cultos, son los más responsables”. Estamos de novo ante esa “morte aos intelectuais” que tan negro porvir daría a España,non?

R: E hoxe, por desgraza, a discrepancia comeza a ser considerada perigosa para certas elites do poder que teñen un concepto do Estado democrático un tanto “sui generis”. A intolerancia e a falta de respecto ao discrepante pacífico entrou xa nun círculo vicioso ren tranquilizador. Eu non sei se existen “os intelectuais”, mais si recoñezo que, na actualidade, moitos autores amosan unha actitude submisa, domesticada e nada belixerante co poder establecido. Non lles interesa a confrontación ou a crítica e como pago son recompensados con premios e adulacións, agasallados permanentemente nos xornáis con loubanzas esaxeradas e a miudo falsas. Pola contra, cómpre dicir que tamén hai un feixe de historiadores honestos e xenerosos que, evidentemente, non teñen tanto predicamento público. Velaí a Bernardo Máiz, Carlos Velasco, Dionísio Pereira, Emilio Grandío, Eliseo Fernández., Uxío-Breogán Diéguez Cequiel…

Coido que non esaxero se digo que aqueles Suñer Ordóñez, Vegas Latapie, Sainz Rodríguez, José Pemartín, José María Pemán, Cirera Prat, Francisco de Luis ou Marcial Solana, por exemplo, viven hoxe entre nós ben instalados en academias, universidades, medios de comunicación, etc. E o discurso ideolóxico entre uns e outros é idéntico. E moi perigoso.

Mais, hai que sublimar que cando falamos da “morte aos intelectuais” non só facemos referencia os ensaistas, poetas, narradores, pintores, escultores, filósofos, etc. Falamos tamén dos mestres, e por extensión os bibliotecarios, que co seu traballo calado e perseverante procuraban liberar á cidadanía da ignorancia e, en consecuencia, crear homes e mulleres libres que pudieran pensar por si mesmos, que foran solidarios, persoas non manipuladas que en liberdade elixiran os seus destinos. Nesa liberación utilizaron a mellor das armas disponíbeis: a cultura.

 P:Chama a atención que dúas das bibliotecarias que se mencionan no traballo, Luisa Cuesta e María Brey, interesantísimas ambas, pasaran pola Universidade de Santiago, no caso da primeira incluso coma profesora, feito inaudito naquela época e tamén, gañadora DUAS VECES, do premio de bibliografía da BNE. Doble invisibilidade: mulleres e bibliotecarias. Algún comentario ao respecto, Fran?

R: Mulleres e bibliotecarias, si, mais tamén cultas e libres. O cóctel, naqueles tempos, era explosivo para o que Vicens de la Llave chamou “a reacción”. Séculos de dominación a través do medo e a ignorancia comezaban a rachar coa chegada da Segunda República e iso non podía permitirse. Pensa  que, por ejemplo, a Igrexa católica mantivo sempre o monopolio do ensino no Estado español e, para que enganarmos, o negocio foilles moi ben.

Dende abril de 1931 aquela prerrogativa tocou ao seu fin. A separación entre Igrexa e Estado non foi só unha cuestión ideolóxica ou democrática: tratábase de arrebatar a uns poucos  o privilexio secular de decidir que, como, a quen e onde ensinar. As autoridades de Instrucción Pública da Segunda República entenderon a escola como un arma de progreso social e tamén como unha ferramenta para asentar o réxime republicano. Pero, ademais, entenderon ás bibliotecas e a lectura socializada como unha cuestión paralela e intrínseca á escola. Unhas eran o sustento da outra, e viceversa.

Luisa Cuesta e María Brey, e moitas máis como María Moliner, Concepción Muedra, Pescador del Hoyo, Teresa Andrés…, foron, en realidade, unhas auténticas patriotas, pois dende os seus traballos pelexaron arreo polo ben común a través da difusión do libro e a lectura. Non podemos dicir o mesmo daqueles que, traizoando o seu xuramento de lealdade, se levantaron en armas contra a legalidade constitucional e levaron o país á destrución e á ditadura. Malia que se autodenominaban “patriotas”…

P: As comisións depuradoras actuaron tomando, como radio de acción, os distritos universitarios. As lecturas, lóxicamente, vense comprometidas, parabenzándose aquelas universidades que foron mais implacables. Fálase, por exemplo, das universidades de  Granada, Oviedo, Santiago  de Compostela e Sevilla. Entre as obras prohibidas figuran as de Castillo Solórzano, San Ambrosio, Raimundo Llulio…e o Catecismo del padre Fleury. Este exceso de celo, se non fora dramático, sería ata cómico.

R: En efecto, así é. Até Platón foi prohibido por redactar un libro titulado A República e que como digo no estudo non tiña cabida no Novo Estado. Todo un esperpento que privou a varias xeracións do acceso a cultura xeral, deixou ermo o país. Noutro traballo anterior, O fulgor e as tebras, tratei o asunto referido para o caso galego. A resultante final é devastadora: centos de bibliotecas instaladas na contorna rural polas Misións Pedagóxicas foron literalmente arrasadas. Outras bibliotecas privadas, como a de Casares Quiroga, Castelao, Fernández Osorio-Tafall, etc., pasaron a “decorar” as vivendas dos xerarcas ou, simplemente, queimadas naquel infinito auto de fe que foi a guerra dende 1936.

P: No libro aparece en  moitas ocasións Gómez del Campillo coma un dos instigadores mais tenaces da persecución e, coma xa dixemos antes, autor dalgunha das mais extravagantes acusacións:  María Brey, por exemplo, foi acusada do,coma dis ti irónicamente, do “delito tremendo”de “ser profesora de cursillos para encargados de bibliotecas” e “llegar en automóvil y hacer ostentación de comer bocadillos”.

R: Miguel Gómez del Campillo foi o xuíz instrutor dende mediados de 1939 encargado de investigar a conduta dos facultativos de arquivos e bibliotecas e propor as sancións que considerou pertinentes. Convidou aos seus correlixionarios a declarar contra os integrantes “sospeitosos” do Corpo Facultativo, unha escala onde todos se coñecían pois non alcanzaban os 300 funcionarios. O seu papel resulta lamentábel pois, xunto ao seu superior, Miguel Artigas, foi o responsábel de ducias de sancións e castigos exemplarizantes para un bo número de compañeiros que asustados tiveron que pasar polo amargo escenario da depuración. Na meirande parte dos casos, as “recomendacións” dadas por Gómez del Campillo contaron co visto e prace de Artigas e, por tanto, foron asumidas integramente e sancionadas polo ministro Ibáñez Martín, o último responsábel das depuracións de bibliotecarios, arquiveiros e mestres e profesores.

En xeral, os cargos presentados por Gómez del Campillo contra os seus compañeiros foron, na súa maioría, simples estrataxemas sen valor xurídico e, en realidade, o investigado xa estaba condenado a priori, sen posibilidade de defensa e cun futuro marcado polo estigma de ser cualificado como “roxo”, “masón” ou, simplemente, “republicano”.

P:Outros nomes coma Nicéforo Cocho ou Ramón Iglesia Parga alcanzaron notoriedade e predicamento noutros países mentres seguen a ser descoñecidos entre nós.  Outros, mesmo foron espías.

R: Algunha biografía destes bibliotecarios exemplares podería ser levada ao cine e non desmerecería os mellares filmes de acción ou intriga. Os periplos vitais d@s bibliotecari@s depurados non é uniforme e a casuística varía dun caso a outro.

O compostelán Iglesia Parga foi unha eminencia do americanismo e mentres en Estados Unidos e México continúa reeditándose a súa obra, aquí permanece cuberto por un manto de esquecemento triste e inxusto. Vicens de la Llave (amigo de Buñuel) foi un caso excepcional: espía en París traballando a prol da República, o seu nídio compromiso coas autoridades lexítimas levaron a este home a escribir un libro que todos deberían ler, especialmente se traballan no mundo das bibliotecas e os arquivos: España viva: el pueblo a la conquista de la cultura.

P: Citamos: “Juana: has sido lo más hermoso de mi vida.Donde esté y mientras pueda pensar, pensaré en ti. Será como si estemos juntos. Beso tu anillo cada día. Te quiero. Paco.

Para Juana Capdevielle mi querida esposa. Viernes, 24  de julio de 1936, cinco de la madrugada.”

A carta de Francisco Pérez Carballo, gobernador civil en A Coruña no momento da sublevación, á súa dona, a bibliotecaria Juana Capdevielle, redactada momentos antes da súa execución, produce arrepíos.

R: Tamén Juana será asasinada polos defensores da “patria y la civilización cristiana”. O caso de Juana Capdevielle é sintomático: muller independente, culta e traballadora, discípula de Lasso de la Vega, o seu crime amosa claramente o grao de salvaxismo e barbarie no que se afundiu España dende 1936. Un país asolagado en sangue e lume no que houbo que extirpar a aqueles intelectuais considerados os primeiros responsábeis da catástrofe. Ninguén pagou por aquel acto desprezábel. Hoxe, nadie no seu san xuízo pediría vinganza (que por outro lado, non conduciría a ningures). Mais, non é un acto de xustiza proclamar a reparación do nome de Juana Capdevielle? E xa que estamos: como é posíbel que aínda hoxe o Estado democrático non sexa quen de exhumar os corpos dos “paseados”, dos fusilados, que permanecen como cans soterrados nas beiras dos camiños? Como se pode declarar que os familiares dos desaparecidos só buscan cartos nas subvencións? Isto dixoo todo un señor deputado. Que impiedade!

P: No fermosísimo prólogo de Manolo Rivas ao teu traballo, hai unha cita que a min particularmenente me encanta” o noso historiador desvela a persecución das plantas e flores da República das Bibliotecas, con especial atención a un grupo de mulleres excepcionais na primeira liña da ilustración do pobo, do librepensamento”.

En efecto, un moi fermoso limiar. Un tipo xeneroso Manuel Rivas. Esas páxinas son o mellor do libro… e non é falsa modestia!

NOTA

Xusto cando viñamos de editar esta entrevista para a súa publicación, o noso compañeiro Xosé Antón Regos Varela achegounos unha valiosa lectura persoal desta obra, que deixavos aquí nesta ligazón Bibliotecarios e bibliotecarias infames.  Cómpre tamén destacar as reseñas que fixeron, entre outros, Armando Requeixo e  Amadeo Pons 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Arquivo

Categorías

BUSCa no catálogo

CODIGO QR DO BLOG

Código QR do Blog

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2013

Roberto Vidal Bolaño, foto de Henrique Alvarellos

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2014

Xose María Díaz Castro, Letras Galegas 2014

Imaxes da galería fotográfica da Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística, cedidas por Luis González Tosar.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015

Xosé Filgueira Valverde, Letras Galegas 2015

Retrato de Xosé Filgueira Valverde

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2016

Manuel María, Día das Letras Galegas 2016

Manuel María Fernández Teixeiro en imaxe de Xosé Castro

%d bloggers like this: