
A obra “Elas”, co seu estoxo que contén as dezaséis láminas, fotografiada na Sala de Investigadores da Biblioteca Xeral (Prema na imaxe para acceder ao rexistro no catálogo)
Incorporada recentemente aos fondos da Biblioteca Xeral, Elas quere ser un recoñecemento a todas as mulleres galegas e á súa obra ao longo do tempo e constitúe a presentación no mundo da edición de A Xanela Editorial. Trátase dunha edición de luxo de 155 exemplares numerados que consta dun libro e dezaseis serigrafías nun estoxo.
A catedrática da USC Aurora Marco, autora deste traballo, ten numerosas publicacións sobre literatura galega, didáctica da literatura e estudios sobre a muller que poden ser localizados no catálogo da BUSC. No ámbito da historia das mulleres, os seus traballos, iniciados nos anos oitenta desembocaron na publicación en 2007 do Dicionario de mulleres galegas, obra que serve de base, como ela mesma indica no limiar, para esta “compilación de biografías seleccionadas ad hoc, entre as moitas que hai nesta altura, que permite ter unha visión do papel determinante que tiveron na sociedade do seu tempo as mulleres galegas, as de ascendencia galega (das comunidades de alén mar) e, inclusive, algunhas non nacidas en Galicia mais con proxección na nosa terra porque nelas desenvolveron as súas actividades”. O límite cronolóxico situase, como no Dicionario, en 1975 abarcando dende a viaxeira Exeria do século IV ata una oleira de Gundivós, Lola de Penelas, morta en 1968. Partindo de dicionarios biográficos, enciclopedias, historias,… pero tamén xornais, revistas e fontes orais, Aurora Marco selecciona e da a coñecer toda unha serie de figuras que en todas as épocas, dende todos os estratos sociais e destacando moitas veces en actividades de todo tipo (o índice por ámbitos de ocupación ilustra ben este aspecto) foron ignoradas en moitos casos incluso cando xogaron un papel de pioneiras, servindo esta obra como un fermoso recoñecemento a súa labor.
O libro, belamente ilustrado con corenta páxinas a cor por oito pintoras galegas, acompáñase de dezaseis serigrafías realizadas por estas mesmas artistas: Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiráldez, María Manuela, María Xesús Díaz, Novais, Sabela Arias Castro e Vanessa Lodeiro (dúas por pintora) e papel da máxima calidade.
- Mostra dalgunhas serigrafías que compoñen a obra, que amosa distintos xeitos de velo mundo desde a perspectiva das mulleres
- Catro serigrafías mais de catro artistas que visibilizan o traballo, creacións e mundo das mulleres. Con esta obra preséntase “A Xanela Editorial”.
Comezamos con esta entrada a nosa participación na iniciativa do Concello de Santiago de Compostela Territorio das Mulleres, co gallo do Día Internacional da Muller. Hoxe presentámovos esta obra, e dentro da actuación LITERARIAS, ata o día 10 de marzo espallaremos fragmentos de autoras galegas, fomentando a visibilidade do traballo de creación das mulleres, nas nosas redes sociais. Convidámovos a todos a seguir esta acción no noso Facebook da BUSC, en Twitter, cos hashtags #literarias e #territoriodasmulleres. E, por suposto, no noso taboleiro de Pinterest Mulleres no mundo.

Nas librarías, nas bibliotecas, no mundo…
Unha preciosidade de post e unhas fotos fantásticas… Noraboa
GústameGústame
Houbo moita colaboración por parte do persoal da BUSC!
GústameGústame