De autor, propiedade intelectual

O “caso Anne Frank”: o Diario no centro dunha querela legal

 

Francisco Xavier Redondo Abal

 

640px-Anne_Frank_signature.svg

Autoógrafo de Anne Frank, tomado da Wikipedia. Prema para acceder a fonte.

 

Hai escasamente tres meses Thomas Stephens publicou no xornal dixital SWI swissinfo.ch un turbio asunto relacionado co célebre Diario de Ana Frank. En síntese, Stephens informaba da posíbel querela que a Anne Frank Foundation (AFF) podería presentar contra dous cidadáns franceses por publicar libremente os escritos da adolescente xudía. Así, Olivier Ertzcheid, profesor na Universidade de Nantes, e Isabelle Attard, deputada dos Verdes na cámara lexislativa francesa, poderían sentarse no banco da xustiza acusados de violar os dereitos de autor e a propiedade intelectual da obra mencionada, dereitos que legalmente posúe a citada AFF. O tema é tan apaixonante como controvertido e, sen dúbida, incita un debate que debe ser contemplado con pausa, sosegado e afastado de acaloramentos; un debate, en definitiva, lonxe de actitudes vehementes, dogmáticas e descualificadoras. Por suposto non será sinxelo nin doado abordar este tema onde, ás cuestións estritamente relacionadas coa propiedade intelectual e dereitos de autor, debemos engadir o significado da propia narración e a súa memoria así como unha cuestión que palpita no seu interior: o horror do Holocausto e a aniquilación racial. Obviar estas cuestións desvirtuaría o debate pois, independentemente da postura defendida, sempre poderían alegarse intereses ideolóxicos ou de conciencia.

Teñen razón Ertzscheid e Attard cando consideran que pasados setenta anos do falecemento da autora –ocorrido no campo de concentración de Bergen-Belsen en 1945– o seu texto atópase en dominio público e, por conseguinte, libre para ser reproducido sen autorización expresa nunha páxina Web (Ertscheid) ou nun blog (Attard)? Ou, por contra, os dereitos de autor do Diario permanecen aínda baixo a tutela da Anne Frank Foundation, tal e como defende Yves Kugelmann, representante da AFF?

Hai que subliñar, para contextualizar toda esta polémica, que certamente a AFF custodia a memoria de Ana Frank e o seu legado e, por tanto, representa a efectos legais á familia Frank. Tamén semella loábel que a AFF autorice publicar e difundir os escritos recollidos no Diario en multitude de ocasións, moitas veces incluso de xeito gratuíto. Porén, os prazos establecidos por lei para que un texto pase a dominio público deben sempre ser obxecto de compromiso, respectándose, e buscar escuros buratos para interpretar unha lexislación en base a intereses particulares non resulta o máis aconsellábel. Nin honesto.

Conveñamos que Ana Frank é a autora intelectual do escrito, independentemente de que o seu pai, Otto, adaptara o texto anos máis tarde do remate da II Guerra Mundial. Adaptación motivada para evitar certos episodios incómodos onde nai e pai non saían moi ben parados. Se concordamos con isto e temos en conta que xa pasaron sete décadas da morte da adolescente holandesa, semella obvio que o Diario pertence ao dominio público e como tal pode ser difundido por calquera medio sen autorización expresa.

AnneFrankSchoolPhoto

Anne Frank na escola. Imaxe tomada da Wikipedia. Prema para acceso a fonte.

A AFF recoñece que a lexislación francesa (lembremos que Ertzscheid e Attard son franceses), en consonancia cunha directiva da Unión Europea, fala de setenta anos dende a morte dun autor para aseverar o dominio público dunha obra. Igual ocorre en Suíza (a AFF ten a súa modesta sede en Basilea). Agora ben, Kugelmann e a súa asociación acóllense á lexislación francesa nos casos concretos de textos publicados postumamente antes de 1995, tendo que pasar cincuenta anos dende a primeira publicación do libro. A pregunta entón podería ser: que argumentaría a AFF se en lugar de Francia os feitos tiveran lugar en, por exemplo, Portugal, onde non existe semellante consideración? Ou, por incidir algo máis: ten capacidade un cidadán italiano para publicar o Diario de Ana Frank ao defender que pasados setenta anos da morte da autora o texto pertence ao dominio público?

Dende o noso punto de vista, a AFF erra absolutamente. Boa proba diso é invocar o carácter non lucrativo da asociación así como o feito de aproveitar os dereitos de autor para fins caritativos. Sen dubidar en absoluto das bondades da AFF, resulta obvio a interesada posta en escena de argumentos que pouco ou nada teñen que ver co asunto tratado. Por outro lado, non resulta comprensíbel a afirmación de que “é beneficioso para os textos [do Diario] que permanezan protexidos”. Protección… de quen? Por quen? Para que? Kugelmann vai máis aló e trae ao debate unha serie de decretos franceses que amplían os prazos do dereito de autor en base a unha cuestión ben lonxe da polémica tratada: a morte do autor en servizo ao seu país durante as dúas guerras mundiais. Nada que ver cunha nena xudía nacida en Alemaña, refuxiada en Amsterdam e falecida, como xa indicamos, no campo de exterminio de Bergen-Belsen.

Outro razoamento peregrino defendido pola AFF resulta un xogo malabar. A entidade xustapón o diario primitivo co seu borrador revisado, labor feito polo pai, e deste xeito crea un novo “beneficiario” do dereito de autor que non é outro que o mesmo proxenitor da nena. Entón, non debería aparecer Otto Frank, e non a súa filla, como único responsábel e, en definitiva, perfecto autor do Diario? Por suposto que parecería unha aberración e redundaría sen ningún xénero de dúbidas nas vendas de exemplares. Dicir que a Fundación fixo público e accesíbel o Diario non basta pois, se non resultara así, que sentido tería a AFF? Se a propiedade intelectual está relacionada cunha obra literaria, científica ou artística polo simple feito da súa novidade, da súa orixinalidade, se iso conleva uns dereitos de autor concibidos en base a outros dereitos (patrimoniais, morais…) e, para finalizar, se todo isto aparece lexislado con prazos claramente establecidos, entón o Diario de Anne Frank debería ser considerado de dominio público, asistindo capacidade de reprodución, distribución e comunicación pública sen prexuízo de permisos ou tutelas.

Nas antípodas deste caso atopamos o Mein Kampf de Adolf Hitler e, paradoxalmente, ambos percorren un camiño paralelo ateigado de controversias e xuízos interesados. A chamada “Biblia do nacionalsocialismo” acaba de ser declarada obra de dominio público, rematando así cos dereitos de autor que posuía o Estado de Baviera. Axiña se publicará na mesma Alemaña cun estudo crítico realizado por historiadores especializados no Terceiro Reich. Mais, en Brasil, en concreto no Estado de Río de Xaneiro, un xuíz xa avanzou a prohibición de publicar e distribuír o texto, acusado de incitación á violencia racial. Un erro maiúsculo. Precisamente, o desexábel resulta a súa publicación, contextualizada con rigor e análise crítica na descrición. Publicar (e ler) o libro de cabeceira do nazismo implica a adquisición de coñecementos sobre un pasado ignominioso que nunca debería repetirse. Se o pobo alemá houbera lido a tempo aquel libro, probabelmente se houberan salvado varios millón de vidas humanas.

 

Advertisements

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Arquivo

Categorías

BUSCa no catálogo

CODIGO QR DO BLOG

Código QR do Blog

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2013

Roberto Vidal Bolaño, foto de Henrique Alvarellos

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2014

Xose María Díaz Castro, Letras Galegas 2014

Imaxes da galería fotográfica da Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística, cedidas por Luis González Tosar.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015

Xosé Filgueira Valverde, Letras Galegas 2015

Retrato de Xosé Filgueira Valverde

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2016

Manuel María, Día das Letras Galegas 2016

Manuel María Fernández Teixeiro en imaxe de Xosé Castro

%d bloggers like this: