BUSC, Catálogo, De autor, Galicia, Recursos propios

Falando con Pancho Valle-Inclán de “Ramón del Valle-Inclán entre Galiza e Madrid :1912-1925”

valle

Cuberta do libro Ramón del Valle-Inclán entre Galiza e Madrid: 1912-1925 de Xabier del Valle-Inclán editado por Laiovento (prema para acceder ao catálogo).

 

 

Unha conversa arredor da publicación de calquera estudo ou calquer artigo sobre Valle- Inclán é sempre  algo grato. Cando se trata de falar dun libro escrito por un compañeiro da BUSC que ten, ademáis, un vencellamento familiar moi próximo, presenta unha oportunidade que non podemos deixar pasar.  Conversamos con Xabier del Valle-Inclán, Pancho, sobre o seu libro Ramón del Valle-Inclán entre Galiza e Madrid: 1912-1925  recentemente publicado por Laiovento  e sobre outras cuestións.  Vaia por diante que  o libro non é estrictamente unha biografía, aínda que segue un curso cronolóxico. Parece que sendo Valle un dos autores mais estudados, mais lidos e mais comentados, aínda sempre sigue a fascinar e sorprender, e rematamos sempre coa sensación, coa marabillosa idea de todo o que queda por descubrir. Este libro é unha desas pezas.

1.- Falemos da xénese do libro, da intención  final e da súa diferenza con outros traballos da mesma índole.

Coma intención fundamental, desmarcarse dos homenaxes “oficiais” que pretenden amosar a Ramón del Valle-Inclán como un intelectual “orgánico” e monolítico, que detentou sempre un esteticismo conservador. Hai unha liña evolutiva e, apurando mais, posiblemente hoxe,  unha escea de Luces de bohemia como a que protagonizan Max Estrella e o anarquista catalán non pasaría unha censura  como a que veu a impoñer a  chamada “Lei mordaza”. Por outra banda, manéxanse aquí documentos do arquivo persoal de Valle que non fican na USC.

2.-Hai un corte cronolóxico que ten que reflectir tamén algo mais. De 1912 –1925 son anos fundamentais tanto en cambios estéticos, dos que Valle participa activamente, coma doutros xeitos. 

É o período no que reside en diferentes localidades de Galicia- Vilaxoán, Cambados, A Póvoa..- e, tamén, onde leva a cabo a maior parte da súa obra . Son tamen eses dous anos dúas sinais nun camino que comeza no Modernismo e remata no esperpento, reflectindo deste xeito a súa evolución ideolóxica que, insistimos, non foi de ningunha maneira monocorde en tódolos anos.  Max Estrella non xurde da nada, ven precedido doutros persoaxes, doutras sensibilidades e achegamentos estéticos do autor.

3.- Sobre esta evolución, convén traer a cita da investigadora  Amparo de Juan, cando recolle que en 1911 Valle decía “os conflitos entre obreiros e patróns debíanse ao alonxamento do sentir cristiano (…)” para rematar pedindo, en 1921, aos colonos e latinfundistas españoles que restitúan a libertade do indio (…) e devolvan a terra aos indíxenas.”. Poderíamos trazar unha liña que vai da súa signatura, por exemplo, do  “Manifesto de Intelectuales anglófilos” ata  a adhesión a Sociedad Española de Escritores (“obreros de la pluma” nas súas propias palabras).

Efectivamente, iso é.  Esa liña da que falabamos antes leva a Valle a ir progresivamente abandoando posturas mais tradicionalistas- conservadurismo, o carlismo mesmo coma estética, segundo decía- para achegarse a posición moito mais comprometidas, mais acordes coa realidade turbulenta que viviu.

4.- Como  parte activa e testemuña dunha época de intensa actividade intelectual e literaria, que da pé tamén a que aparezan filias e fobias con diferentes autores,

Lóxicamente. Hai referenzas, correspondencia e mesmo xuízos sobre  autores tan dispares como Unamuno, Rubén Darío, Pérez de Ayala ou Corpus Barga.

.5.--Traballar cunha cantidade tan inxente de material ten que potenciar as habelencias de editor ademáis, de, por outra banda, protexer a intimidade ou preservar algúns aspectos que se podan considerar de ámbito estrictamente privado…como establecer esa liña ou como foi a túa dinámica de traballo nese sentido?

Hai cuestión que, quizais, deban permanecer no ámbito privado, no sentido de que non aportan absolutamente nada a comprender a figura, a obra, a trascendencia de Valle na súa época. Pero si temos, por exemplo, que Valle pide unha beca a Ortega para marchar unha tempada de Galicia, iso ten unha orixe, que é unha cuestión tan desgarradora como a morte dun fillo e que si terá importancia no tempo que vivirá fóra, nas relacións que establece, nas influencias, etc.

5.- A conservación de correspondencia, notas de viaxe, orixinais, bocetos, etc… fai pensar na idea que xa tiña Valle en vida da súa trascendencia como literato e da importancia, asimesmo, do seu papel como testemuña dunha época., pero tamén da súa tarefa como renovador da palabra e da literatura.

Os orixinais e distintas versións de obras, os borradores, as correccións, a correspondencia…todo estaba organizado en caixas e cadernos.  Posteriormente isto enriqueceuse coa tarefa do meu pai, que foi almaceando recortes de prensa – traballando coa axencia Camarasa- de todo o que se publicaba sobre Valle-Inclán tanto na prensa española como estranxeira,nuns tempos nos que non existían as “alertas de Google” nin tiñabamos Internet como ferramenta. Nin catálogos en liña existían cando comezou. E todo isto fíxose dun xeito totalmente artesanal e sin ningún tipo de axuda institucional, por vocación e por responsabilidade.

6.- Falando do legado, parte deste está depositado na  USC- tivemos unha precisa presentación por parte da directora da cátedra Valle-Inclán Margarita Santos  Zas no noso blog , pero aínda quedan algunhas cousas sen achegar que  serán parte do legado en breve. Poderías  avanzarnos algo do que virá próximamente?

Hai unha parte descoñecida que é a grande cantidade de libros adicados que tiña Valle-Inclán, mais de oitocentos, que subliña esas relacións mantidas con tantos escritores das que falabamos antes. Hai unha dedicatoria de Pío Baroja, por exemplo,  pero non de Unamuno; e sorprende tamén que moitos autores latinoamericanos que coñeceu nas súas  viaxes seguiran a mandarlle libros tempo despois das visitas aos seus países.. E, por suposto, a relación con moitos autores galegos: Cunqueiro, Pajares, Blanco-Amor, Dieste, Cabanillas, Fernández Mato, Xavier Bóveda, Victoriano García Martí, Julio Camba, Eugenio Montes… E, dun xeito totalmente alleo ao bibliográfico, hai un óleo de Castelao adicado a Valle.

7 No libro fálase tamén dunha petición de Valle a Murguía solicitando información do destino dos documentos do “Colegio de San Clemente y muy especialmente las informaciones de los colegiales”, procurando información sobre familiares entre eles, Francisco del Valle-Inclán Santos, fundador “da primeira biblioteca pública da USC e reitor do compostelano  Colexio de San Clemente”.

Efectivamente, a figura de d. Francisco del  Valle-Inclán, autor en 1774 da Instrucción para el establecimiento de la Biblioteca Pública de la Universidad de Santiago de Compostela, redactor do primeiro catálogo,ten a súa importancia polo vencello familiar, mais tamén porque foi o editor da primeira publicación periódica galega:  El Catón Compostelano. Tamén serve para aclarar que Ramón del Valle-Inclán non inventou o seu apelido.

8.- Neste 2017 Valle entra no dominio público, co que pode ser libremente traducido e representado. Isto pon de novo enriba da mesa a vella polémica sobre as representacións en galego.

Hai quen fala de “desamortización” ou  “liberación” da escrita de Ramón del Valle-Inclán. Acontece tamén que, a día de hoxe,  aínda non sabemos quen fai a tradución dos textos de Valle que vai representar o CDG: o  tema non é tanto que se faga ou non se faga, senón como se vai facer e quen o vai facer. Por outra banda, tamén poderíamos falar de institucións creadas e prácticamente inexistentes, como a Fundación Valle-Inclán. Algo moi revelador dunha determinada política cultural.

 

Advertisements

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Arquivo

Categorías

BUSCa no catálogo

CODIGO QR DO BLOG

Código QR do Blog

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2013

Roberto Vidal Bolaño, foto de Henrique Alvarellos

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2014

Xose María Díaz Castro, Letras Galegas 2014

Imaxes da galería fotográfica da Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística, cedidas por Luis González Tosar.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015

Xosé Filgueira Valverde, Letras Galegas 2015

Retrato de Xosé Filgueira Valverde

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2016

Manuel María, Día das Letras Galegas 2016

Manuel María Fernández Teixeiro en imaxe de Xosé Castro

%d bloggers like this: