
Sala de investigadores da Biblioteca Xeral e que poderedes ver na visita guiada. Fotografía: Fuco Reyes
No claustro alto do Pazo de Fonseca, dende o luns 24 ao mércores 26 de abril, a BUSC expón, baixo o título de Curiosidades da BUSC, unha selección de documentos co gallo do Día do Libro. Así, nunha vitrina adicada á Biblioteca América, pódese contemplar dende libros doados á Biblioteca con curiosas dedicatorias, pasando por unha impactante carta manuscrita del propio creador da Biblioteca, Gumersindo Busto, ata unha imaxe que recrea gráficamente o que significou esta iniciativa a principios do século XX. Engadíronse tamén dous documentos cartográficos de grande valor bibliográfico e de moito interese galego.; un mapa e unha descrición de Galicia de 1609 e un plano manuscrito en cor de 1831 do que agora é o Parque da Alameda de Santiago e que daquela era o proxecto de reforma desa zona da cidade.
Completan a exposición un documento coas palabras de Gonzalo Torrente Ballester recalcando o que significou a biblioteca da USC na súa formación; curiosos obxectos esquecidos nos libros; unha homenaxe ao que fora director da BUSC José María de Bustamante e a súa obra; un curioso libro asinado polo seu autor con 17 siglas; unha prancha de imprimir e a páxina do libro impreso con ela; ou, finalmente, un espectacular monumento ao que significou a censura con grabados da edición de Virgilio de 1502 tachando “o que non debía ser visto”.
Se queredes coñecer de primeira man estes documentos, se queredes tamén ver a nosa Sala de Investigadores, a Biblioteca América e algunhas curiosidades máis, o vindeiro día 26,mércores, temos unha xornada de portas abertas. Faremos catro quendas distintas: as 10.30 e 12.30 pola mañá e as 16.30 e 18.30 pola tarde. O punto de encontro será a Biblioteca América. Para participar nesta xornada, dirixida a comunidade universitaria, pregámovos vos inscribades enviando un correo ao enderezo bxinfor@usc.es indicando no asunto “Xornada de portas abertas”, o voso nome e apelidos, enderezo electrónico e a quenda escollida.

Panorámica da exposición que poderemos ver no Claustro Alto de Fonseca do día 24 ao día 26 deste mes de abril.
Agardámovos!
Conversa
Aínda non hai comentarios.