PALOMA SAS MARTÍNEZ (BIBLIOTECA INTERCENTROS DE LUGO)
(Deixamos como colofón dun ano cheo de cambios, de tristura e tamén de forza, este texto fermoso da nosa compañeira Paloma de Sas, que quere reflectir o sentimento do traballo de tódalas persoas que ven a usuarios e usuarias decotío, que lles ofertan información e asistencia, que observan. Que teñades un ano 2021 cheo de esperanza).
Se, como proclamou o poeta Joan Margarit “a liberdade é unha librería”, a biblioteca é o seu espazo, por iso pechala foi un drama máis . Abrímola co medo, ese tirano que confunde dereitos e mutila liberdades. Todos os libros foron catalogados como perigosos, case intocables e condenámolos á pena de catorce días de escuridade e encerro nunha sala que algún usuario imaxinaba con súper poderes. A Intercentros, empapelada con carteis de advertencia, parcelada por fitas, frechas en escaleiras e chan e co arrecendo a desinfectante, foi habitada de novo por persoas que diariamente entraban na procura dun posto.
Houbo que aprender a ler nas mans e nas miradas, aguzar o oído para vencer mamparas e, en aras da seguridade, rexistrar o acceso da xente, mirarlles aos ollos para asignarlles posto. “Mesa para catro, por favor”- nos pediu aquel grupiño de mozas – Marchando!!! Nos pedía o corpo contestarlles.
“Calquera sitio con enchufe, cerca dun radiador e que non me dé o frío da ventá nas costas. Ah! e a ser posible mirando cara a entrada, por iso do fengshui”. – Solicitou aquel rapaz, futuro arquitecto quizá? Axudará á construción dun futuro máis habitable tal vez?
“Poden cambiarme de posto, por favor, ou dicirlle á chica que teño ao lado que pare de insinuarse e de mirarme dese xeito?” – Nos pediu, timorato, un usuario. “eu á biblioteca só veño estudar” – aclarou – sospeitamos que estaba pelexando cunha folla de cálculo e, xa se sabe, as cuadrículas requiren de moita concentración. Démoslle novo posto, claro.
Encheunos de tenrura o profesor que nos preguntou cal era o libro de problemas de bioestatística que máis demanda tiña – “É por poñerlles no exame algún dos exercicios do libro máis prestado . Que xa bastante teñen” – nos aclarou – Por suposto facilitámoslle a información sen ningún problema.
Démoslle unha nova oportunidade de facer o test do curso de competencias á alumna que mandou aquela mensaxe sorprendente: “Podedes anularme o test que acabo de enviar? Anque pareza mentira, non o é; por favor crédeme. Cubriuno o meu sobriño e deulle a enviar en canto eu fun un momento á cociña”. Claro que a cremos, a calquera lle pode pasar.
Curiosa foi a mensaxe na que unha alumna de veterinaria se comprometía a repoñer un libro de etoloxía e comportamento animal. “É que o meu can na corentena estivo moi nervioso e un día pegou no libro e roeulle unha esquina- dicía. Grazas que o animaliño podía saír dúas veces ao día, senón que non roería ese pobre!!!!
Anécdotas raras nestes raros tempos. Imaxinamos que, como na escena da biblioteca no filme de Wim Wenders O ceo sobre Berlín, anxos invisibles que teiman pola felicidade humana, baixan do ceo lugués cos seus escuros gabáns e pululan a Biblioteca Intercentros, achegándose ás mesas para escoitaren os pensamentos, as lecturas, as tristuras… das persoas que len ou estudan, cos sorrisos escondidos polas máscaras.
Conversa
Aínda non hai comentarios.